sendero peatonal en mos

Sendeiro peonil en Mos

O Concello de Mos adxudicou esta semana á empresa Narón, por un importe total de 188.476 euros, a execución das obras de apertura e acondicionamento dun sendeiro peonil de dous quilómetros xunto ao río Louro na parroquia de Mos.

O proxecto, impulsado dende a Concellaría de Medio, conta co apoio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que deriva a esta actuación 72.000 euros procedentes de fondos europeos.

O paseo, que empezará a construírse nas próximas semanas, explicou o edil de Medio Ambiente, Diego López, cubrirá o tramo existente entre a ponte de Mos e a ponte da Pesqueira, unha zona na que se prevé recuperar a flora autóctona despois de realizar labores de roza e de limpeza da canle fluvial.

Parte dos traballos de xardinaría previstos “faranse contando con persoal voluntario da zona”, explicou Diego López, quen agregou que o proxecto inclúe a creación de varias pontes “que permitirán salvar as correntes de auga que desembocan no Louro en varios puntos do tramo”.

Indicou ademais que os accesos a esta zona estarán “adaptados para que as persoas con dificultades de mobilidade poidan chegar con facilidade” e que o sendeiro supoñerá “unha alternativa de comunicación para os veciños da parroquia de Mos, que actualmente utilizan a beiravía da estrada N-550″, engadiu.

O camiño nace tamén coa pretensión de ser unha alternativa á ruta actual do Camiño de Santiago, que discorre pola estrada. Segundo López, preténdese “evitar os riscos que, para os peregrinos, representa transitar por un tramo de rede viaria que soporta un elevado volume de tráfico pesado”.

Fonte: Faro de Vigo